“Os tempos converteron en impopular a manifestación aberta do odio aos xudeus. Sendo este o caso, o antisemita busca novas formas e foros onde poder instalar o seu veleno. Agora agóchao tras unha nova máscara. Agora non odia aos xudeus, só é antisionista!!”.
Martir Luther King na súa "Carta a un amigo antisionista" 1967.

sábado, abril 28, 2007

ENTREVISTA CON ABRAHAM B.YEHOSHUA.


Eu vivo intensamente o enorme fracaso do pobo xudeu na historia. O Holocausto foi, aparte do fracaso dos alemáns e da Europa culta, un profundo fracaso noso, que eliximos vivir como entidade dentro doutros pobos sen entender que clase de interacción xerabamos desa maneira. De xeito que para min, a historia xudía é unha historia que encerra un fracaso colosal.
Unha entrevista de Mario Wainstein:

O noso encontro, nun café de Haifa, comezou case de contado cun apaixonado intercambio de ideas en torno á literatura hebrea moderna, e máis especificamente: á xeración literaria que precede á súa. A gravación comeza xa con afirmacións acerca do realismo e o simbolismo, o que case quere dicir eles e nós".
Yehoshúa, móstrase decepcionado, case diría enoxado, polo feito de que a xeración anterior á do ¨48 desapareza da conciencia popular. Eu arrisco os nomes de Brenner e Gnessin para rebatelo, aínda que sexa parcialmente, pero el me contesta con Barash, Bercovich, Berdichevski, Kabak, Cear, ''toda unha xeración que caeu no esquecemento''. A conversa continúa agora en torno ao hebreo e o seu desenvolvemento, quizais un dos principais ''culpábeis'' dese esquecemento, porque se ben se trata de escritores que actuaron no século vinte, o seu idioma xa parece arcaico para os mozos israelís. Pero iso débese non só ao desenvolvemento da lingua senón tamén a un proceso de aculturación do idioma, un reducionismo que vaino despoxando do seu mundo asociativo enriquecedor ao tirarlle o denominador común da súa cultura, que pasa a ser dunha minoría en lugar de selo de todos os lectores da lingua. Aproveito para dicirlle que me parece que el mesmo escribe hoxe nun hebreo moito máis elevado có que empregaba antes, e doulle algúns exemplos extraídos da súa nova novela. El non está seguro de que sexa así. ''Estou contento de que digas iso, agardo que sexa certo, pero non o sei''. O diálogo continúa saltando dun tema a outro, ate que nos damos de conta de que hai que traballar e poñemos un pouco de orde na conversa.
Coma se agora comezase a parola, Yehoshúa sentenza algo que lle parece importante e relevante: "Parece que non entendemos que estamos nunha etapa de florecemento cultural, aquí mesmo, dentro deste encoro. É como o que lle sucedeu aos países europeos entre as dúas grandes guerras: en medio da corrupción, do fascismo, do colapso das institucións democráticas, escribíronse as mellores obras literarias.

Non se trata só de literatura, é un florecemento que se aprecia tamén noutras artes. Películas israelís son premiadas en diversos lugares do mundo, a literatura hebrea é moito máis traducida e difundida que outras, a danza israelí conquista ao mundo. E o mesmo acontece coa fotografía, a pintura, a escultura e a arquitectura. E todo isto no medio dunha corrupción que xamais nos imaxinaramos, cando nos cubrimos de vergonza vendo o que acontece co Ministro de Finanzas, co Presidente do Estado, co primeiro ministro. De verdade que estou disposto a que haxa menos traducións das miñas obras a outros idiomas e que sexamos un país menos corrupto".

Do que di parece que ambas cousas estivesen vinculadas, e que se enmendamos agora a nosa conduta, haberá menos obras traducidas e menos produción artística de calidade.

Si, pode ser.

Falemos da súa literatura. Vostede introduciu o simbolismo na literatura israelí, máis que calquera outro escritor. Desde ''Fronte aos bosques'' e os seus outros contos curtos, pasando por ''O amante'' e ''Divorcio tardío'' e ate esta última novela que vén de aparecer, ''Lume amigable''. Por un lado, os seus personaxes son reais, de carne e óso, e por outro lado está a segunda lectura obrigatoria, na cal xa non están os particulares senón os soños colectivos e a mensaxe. As súas obras, a diferenza do nihilismo que caracteriza nese sentido á nosa época, teñen mensaxe. Nese sentido vostede parece un escritor do século 19.

O recibo coma un cumprido, coma un eloxio. Admiro a literatura do século 19. Ate hai uns anos eu ensinaba literatura na universidade. Eu xamais lle direi a alguén: ''Débese escribir así''. Cada un escribe ao seu xeito e cada un é lexítimo se é bo. Pode ser realista, ou surrealista, ou simbolista; nunca tiven unha receita a man. Por iso tamén xamais na vida tiven o que se chama ''obradoiros literarios'', porque é inevitábel que guíes ao alumno ao teu propio gusto. Por sorte non había obradoiros cando eu mesmo me formei coma escritor. Hoxe a xente escribe e non le. A min, nas miñas procuras a partir do comezo, o estilo simbolista pareceume o máis acaído porque sentín que só dese xeito o que eu escribía tiña forza.

Vostede é tamén o escritor israelí que máis e mellor uso fai, ao meu xuízo, dos elementos psicolóxicos.

Estou casado cunha psicóloga. Nótase. Nótase porque todo o tempo falamos de persoas e nunca as aceptamos como algo simple e sobreentendido.

Quizais deba aclararlle que non só non o ''culpo'' xa que logo, senón que o admiro. Non entendo por que un escritor do noso tempo debería escribir coma se non lese a Freud.

Exacto, eu vivo hoxe e non podo ignorar ao psicoanálise. Eu xamais me analicei, pero estou casado desde os 23 anos cunha psicóloga que desde entón me analiza día e noite.

Le ela o que vostede escribe?

Por suposto. Pero le capítulos xa concluídos, non lle dou cousas que están en pleno proceso. Cando hai unha masa de material, doulla para que a lea. Pero as súas observacións non son de carácter psicolóxico; ten unha excelente percepción idiomática e arrinca as malas herbas da miña prosa. E a dimensión do humano, por suposto: un suxeito, por que é así, de onde vén, que lle sucedeu, etc.

Vostede inviste un gran esforzo para crear personaxes reais. Non me sorprendería que viaxe a Africa e estudara antropoloxía para a súa novela

Non, non viaxei a Africa. No momento oportuno viaxei si a Grecia, pero a India, por exemplo, viaxei despois de escribir ''O retorno de India''. Lin antropoloxía e si, fun estudar un pouco o deseño de ascensores para esta novela. Quero dicirlle que as partes máis agradables do oficio de escritor son as relacionadas coa investigación.

Hai moitos escritores que non o fan, porque saben tan ben como vostede que non é o máis importante na novela

Pero para min é moi importante. O oficio e o traballo dunha persoa é parte da súa identidade. Eu persoalmente odio as novelas sobre escritores ou xornalistas. Eu quero escribir sobre persoas reais, verdadeiras, concretas, e expoñer o seu oficio. Non se pode dicir ''era enxeñeiro'' e despois pasar a todos os seus problemas sentimentais.

Lémbrame como me impresionou en ''Homo Faber'', de Max Frisch, onde o personaxe é enxeñeiro, que todas as súas concepcións de enxeñería formaban parte da súa identidade e polo tanto da novela.

Sempre sostiven que debo incorporar a ocupación do personaxe que concibo, xa sexa médico, como en ''O retorno de India'', ou enxeñeiro de ascensores, como nesta última novela. De xeito que tamén fun a obras en construción e subín en elevadores precarios como os que describo no libro, e me resultou interesante.

A conversa en torno á literatura en xeral e a súa en particular parece estar moi lonxe de concluír. Entendo que é hora de pasar ao outro aspecto do entrevistado, o de polémico e case diría violento pensador do destino xudeu en xeral e israelí en particular. Poucos como el obrigaron a repensar a condición xudía do noso tempo, máis alá da medida de aceptación que chegou a ter. Vostede sempre se mostrou preocupado polo destino de Israel como Estado xudeu, e non polo dos xudeus na diáspora e falou dunha condición israelí como contraposta ao xudeu. A súa última novela, ''Lume amigábel'', é unha metáfora? Quere dicir que estamos disparando contra nós mesmos?

Si, en certa medida así é. Pero antes quero dicir algo. Eu vivo intensamente o enorme fracaso do pobo xudeu na historia. A Shoáh foi, aparte do fracaso dos alemáns e da Europa culta, un profundo fracaso noso, que eliximos vivir como entidade dentro doutros pobos sen entender que clase de interacción xerabamos desa maneira. De xeito que para min, a historia xudía é unha historia que encerra un fracaso colosal. Se os franceses foron conquistados polos alemáns en catro semanas, trátase dun fracaso dos franceses, que non sabían que é o que tiñan enfronte e non se prepararon. O que acontece neste momento en Iraq é un fracaso tamén dos norteamericanos. A cruel ditadura que gobernou na Arxentina despois do golpe de 1976 é tamén un fracaso dos arxentinos. E nese sentido digo: o feito de que non entendemos en que interación asasina nos metiamos ao longo de décadas e séculos, malia que as luces de advertencia se acenderon todas, e terminou finalmente nesa forma tan tráxica, que non ten parangón co que lle sucedeu a ninúun outro pobo do mundo; é un fracaso colosal. Matáronnos a un terzo do pobo como a insectos e sen ningún motivo utilitario.

E nós somos culpábeis?

Somos culpábeis de non ter prestado atención ás advertencias previas. De non ter sabido interpretalas

E que podíamos facer?
Podíamos facer. Durante os últimos 200 anos tivemos innumerábeis oportunidades de volver, sempre puidémolo ter feito, pero non volvemos. E especialmente após a Declaración Balfour (1917) cando se nos deu esa posibilidade marabillosa, e eramos 18 millóns de xudeus no mundo. Chegaron a década dos 20 e só ao redor de 40.000 e os británicos finalmente pecharon as portas. Esa é a enfermidade, a necesidade de vivir no exilio, xunto con e dentro doutro pobo. Chega ate aquí, con todo ese movemento de xente que se despraza aos territorios e vive dentro doutro pobo. Todo isto é para min un dos problemas máis complexos e máis perigosos, do cal non fomos totalmente conscientes.
Pero se fose así, como se explica que agora, xa tendo un Estado propio, non só que o antisemitismo non conclúe, senón que a presenza do Estado estimula e acenda o lume da xudeofobia.

Primeiro, temos a posibilidade de defendernos fronte a ese antisemitismo. Todos os mortos de Israel en defensa da nosa soberanía durante os últimos sesenta anos, son o equivalente aos mortos en medio día de traballo de Auschwitz. Pero non só iso. O que pasa é que hoxe non resulta cómodo ser antisemita en forma clásica, e entón nós, Israel, servímoslles de pretexto aos antisemitas de sempre. Eu, véxome a min mesmo coma israelí no sentido absoluto e último do termo, como un labrego na Provenza francesa para quen non existe outra posibilidade máis que a de ser francés. Dóeme ver o contrario. Acabo de volver de Estados Unidos; ate hai uns anos os israelís avergonzábanse e non se mesturaban cos xudeus locais, pero agora xa se integran, renovan o fondo público diaspórico que se esgota, e vin fillos e netos de israelís, con quen xa nin sequera puiden falar en hebreo. E agora a globalización failles todo máis cómodo: a mesma televisión, as distancias máis curtas, a homoxenización cultural. Ese é o sistema doente dentro do xudaísmo, que non entende o que é o territorio no sentido profundo, o vínculo co chan patrio no sentido profundo, a identidade que xorde do perfume dos piñeiros. Un xudaísmo desprovisto de patria. Sen idioma, cunha patria portátil. Os dous elementos máis poderosos na determinación da identidade, territorio e idioma, teñen no xudaísmo alternativas.

Preocupalle o futuro, neste contexto?

Teño temores. Creo que non poderemos desprendernos dos palestinos, que decidiron agardar, que teñen todo o tempo. Que prefiren quedar adheridos ate eliminarnos desa maneira. Agardan ate que de feito isto se converta nun Estado binacional. Preocúpame que non somos capaces de trazar unha fronteira. Eu entendo perfectamente, despois do que aconteceu na Franxa de Gaza, a quen teme unha retirada en Cisxordania porque tamén desde alí se poden disparar foguetes Kasam. Pois entón saquemos para comezar aos civís, os asentamientos, e deixemos de momento só ás bases militares. Pero comecemos a desprendernos do que nos conduce á perdición. Témome que os palestinos xa non queren o proxecto de dous Estados para dous pobos.

Algunha vez o quixeron? Non se lles ofreceu en Camp David no 2000?

Si, ofreceuselle e o rexeitaron. Ese foi o momento tráxico da fractura. Fíxoselle a mellor das propostas, acompañada ademais de miles de millóns de dólares que se lles facilitaban para desenvolver o seu propio Estado soberano, e nin sequera o discutíron: rexeitárono e comezaron a intifada.

Entón quizais nós ficábamos equivocados todo o tempo, e a fórmula de dous Estados para dous pobos, de territorios a cambio de paz, non funciona?.

É probábel, pero entón por iso mesmo, desconectémonos sen agardar nada por agora, saiamos dos territorios ocupados, poñamos unha fronteira sólida, sen paz. Pero nin sequera iso se logrou en Gaza. O que temos que facer hoxe en día é evitar o proceso de violenta "convivencia" mesturada. Se o podemos facer no marco dun gran acordo de paz, fantástico. Se non podemos sacar dos territorios ao Exército, polo menos saquemos aos civís. Debemos evitar que Israel se converta nun Estado binacional dentro de vinte ou trinta anos. Polo noso ben. Polo ben tamén deles.

IAF - EAGLES OVER AUSCHWITZ



O 4 de setembro de 2003, nunha cerimonia sinxela pero tremendamente emotiva e dun claro contido simbólico, avións da IAF, Forza Aerea de Israel, sobrevoaron o campo de exterminio de Auschwitz. Por que os aliados, sabendo como sabian o que nos campos de exterminio acontecía non bombardearon as vías de acceso? Por que? Por que? Por que?... Shemá Israel.

HATIKVA EN VERSIÓN METAL



Marty Friedman, quen foi membro da mítica banda de Metal, MEGADETH, interpreta o Himno Nacional de Israel, "HATIKVA".

CAZA DE MULLERES NO IRÁN



En aplicación da orde recentemente ditada que ampliaba a xa existente Lei que obriga ás mulleres iranianas a iren cubertas e non usar pantalóns nin saias. Eis unha crónica de calquera día:

Un coche da policía iraniano se detén en medio dun enorme atoamento en Teherán e os policias baixan para controlar ás viaxeiros, á caza de “modelos” que desafían a lei do veo islámico. “Polo amor de Deus, non tomen fotos!”, berra unha nai cuxa filla ven de ser inmovilizada por un policía porque o seu veo non cobre todo o seu cabelo.
Esta redada no barrio de Shahrak–El Gharb forma parte dunha ampla campaña contra as mulleres que non vistan o veo con decoro, para “guialas” e axudalas a respectar o código da vestimenta islámica, que obriga a tapar os cabelos e agochar as formas. Polo menos así foi adevertido polo xeneral Esmail Ahmadi-Moghadam.

“Cando detemos un coche, pedimos de xeito cortés ás mulleres que se axusten o veo. Se fan caso, deixámolas partir”, explica Habib Mohammad. “Pero se unha muller empeza a protestar, pedímoslle a documentación e os papeis do coche, e levámola á comisaría”, agrega.

Estas ofensas son frecuentes coa chegada do verán. Pero esta vez parece máis seria xa que os abrigos se levan cada vez máis curtos e se descuidan os veos. O valor dalgunhas mulleres que exhiben o seu cabelo a través de veos lixeiros e translúcidos, que deixan ver os nocellos e resaltan a súa silueta con abrigos axustados indigna aos conservadores, que contan co apoio case absoluto da prensa.

ESPAÑA E ISRAEL


Por Manuel Molares do Val
Tiveron que asustarse moito importantes militantes do PSOE co final nazi dunha manifestación contra Israel que convocou o seu partido en Madrid con outras organizacións, para ter que crear unha Asociación de Solidariedade España-Israel (ASEI) e demostrar publicamente que hai esquerdas que non son antisemitas.
Aquela manifestación, o 19 de setembro de 2006, apoiou o fanatismo islámico de Hizbulá na súa guerra contra Israel, que reaccionara contra os bombardeos terroristas desde o sur do Líbano atacando as súas bases, nas que tiñan a mulleres, anciáns e nenos como escudos humanos. Moita xente de boa fe que protestaba pola que cría brutalidade de Israel escoitou ó final como milleiros de bocas pedían o exterminio dos xudeus con lemas extraídos dos discursos de Hitler. A asociación elaborou un manifesto (www.aseiweb.net) para recordar que os valores democráticos, políticos, sociais, económicos, culturais e relixiosos de Israel son iguais que os de calquera Estado democrático de occidente.
Advirte de que a esquerda non debe ser antisemita, antixudía nin antiisraelí, e que a democracia de Israel debe ser defendida polo verdadeiro progresismo esquerdista, non soamente pola dereita, como está ocorrendo en España. E recorda que o perigo do terrorismo islamita acosa a ambos os países, aínda que Israel o sofre día tras día, moitas veces con decenas de mortos provocados por suicidas que chegan a ser pícaros ou discapacitados mentais.
Pero é tal o descoñecemento ou a manipulación informativa do problema en España que pouca xente sabe que o país hebreo debe protexer a moitos palestinos que desexan a paz, porque están sometidos ó terror dos fundamentalistas de Hizbulá e Hamas, como denunciou esta semana no Parlamento español a presidenta do Parlamento israelí e xefa de Estado en funcións, Dalia Itzik.
Publicado no xornal GALICIA HOXE

quarta-feira, abril 25, 2007

UN BRUTAL ANTECEDENTE HISTÓRICO


Este 24 de abril cumpriuse un novo recordatorio do Xenocidio armenio, probabelmente, un antecedente considerado polo nazismo para xerar a máquina de matar durante o Holocausto, a Shoáh do pobo xudeu. Un macabro ensaio xeral do que a maquinaria nazi aprendeu para optimizar os medios e así obter mellores "resultados" criminais. O primeiro detonante do Xenocidio armenio aconteceu na noite do 23 ao 24 de abril de 1915, cando foron detidos, deportados a Anatolia e asasinados uns 650 dirixentes armenios de Constantinopla. Máis aló das diferenzas históricas e coxunturais, o silencio das maiorías foi, en gran parte, o maior cómplice e artífice de semellantes matanzas. O que presentamos de seguido é unha síntese histórica extractada de www.genocidioarmenio.org


A estratéxica posición da meseta de Armenia, cruce de camiños das caravanas comerciais entre Oriente e Occidente, fomentou o interese dos pobos que a rodeaban, e foi determinante de que fora conquistada sucesivamente por persas, macedonios, romanos, máis tarde foi a dominación bizantina e logo a árabe. Cara a mediados do século XI aparecen na rexión os selyúcidas, nómades mongoles do Asia Central, logo os tártaros e máis tarde os turcomanos. Entre finais do século XVI e comezos do XVII, a rexión este de Armenia converteuse en área de conflito entre os turcos otománs, os persas e os rusos quen a partir de entón comezan a ter presenza na xeopolítica da rexión.


O Xenocidio armenio

Os primeiros pasos foron dados polo sultán Abdul Hamid (1876-1909). Entre 1884-1896 son masacrados aproximadamente 300.000 armenios. É derrocado o sultán Hamid o poder pasa a mans dos Mozos Turcos. O que en principio pareceu o inicio dunha época de paz e fraternidade, baseada na igualdade de dereitos, de vagar foise transformando no período máis escuro da historia armenia. Na nova orde elaborada polos Mozos Turcos, os armenios constituían un obstáculo. A Primeiro Guerra Mundial facilitou a concreción do seu obxectivo: transformar un imperio heteroxéneo nun estado homoxéneo fundado no concepto dun pobo, unha nación. "Unha das metamorfoses máis inesperadas e tráxicas da historia contemporánea armenia foi o proceso que se desenvolveu de 1908 a 1914, durante o cal os Mozos Turcos, de aparencia liberal, transformáronse en nacionalistas extermos, ávidos de crear unha orde nova e de suprimir a cuestión armenia, eliminando ao pobo armenio" (Richard Hovannisian "A question arménienne"). Do 23 ao 24 de Abril de 1915 foron detidos, deportados a Anatolia e asasinados uns 650 dirixentes armenios de Constantinopla. A partir de entón, deuse a orde de deportación da poboación civil, desde as zonas de guerra no Cáucaso, cara aos centros de reinstalación, nos desertos de Siria e Mesopotamia. O mesmo esquema de arresto e asasinato dos líderes e dos homes maiores de 15 anos, así como a deportación do resto da poboación -mulleres, anciáns e nenos-, cara aos desertos de Siria, repetiuse en todas as localidades armenias.


Esta longa marcha, que para moitos foi o camiño cara á morte, era acompañada de violacións, torturas e roubo do pouco que levaban consigo os deportados. Os poucos que lograron sobrevivir, foron trasladados a distintos puntos do Medio Oriente onde o fame e os andazos fixeron a súa parte. Os feitos descriptos foron encadrados dentro do concepto de XENOCIDIO. Este término foi creado por Raphael Lemkin e aplicado por vez primeira durante o xuízo aos principais responsábeis do brutal crime contra os xudeus, durante a Segunda Guerra Mundial. Helen Fein, quen prioriza a responsabilidade do estado no acto de xenocidio, afirma o seguinte: "as vítimas dos xenocidios premeditados do século XX -xudeus, armenios- foron asasinados para que os designios do estado en vista dunha orde nova fosen realizados. Nos dous casos, a guerra foi utilizada para transformar á nación co obxecto de adaptala ás concepcións da élite no poder, eliminando a grupos considerados estranxeiros, inimigos por definición".


A partir de entón, a emigración dos armenios foi case total. De 2.100.000 almas no Imperio Otomán, en 1912, de acordo coas estatísticas do Patriarcado Armenio de Constantinopla pasouse a 77.435, en 1927, concentradas especialmente en Estambul e aproximadamente 50.00 en 1993. Malia a política de negación que encarou o goberno turco, sobre todo a partir de 1920, os arquivos europeos e americanos, así como a análise dos feitos a partir dos testemuños dos sobreviventes, demostran que o Xenocidio armenio foi un feito premeditado, destinado á eliminación do pobo armenio por non renunciar á preservación da súa cultura.


O que veu despois

Mentres estes acontecementos sucedían no Imperio Otomán, a Armenia transcaucásica logrou a súa independencia en 1918. A capitulación turca ao finalizar a Primeiro Guerra fixo renacer a esperanza do retorno, acrecentada coa decisión da Conferencia do Paz de Paris, en xaneiro de 1919, de separar Armenia, Siria, Palestina e Mesopotamia do Imperio Otomán. En 1919, a armada francesa, facilitou o regreso dos sobreviventes armenios a Cilicia, baixo a súa protección, pero foi por pouco tempo. As rivalidades entre os aliados así como o interese destes por captar a simpatía do novo xefe turco, Mustafá Kemal, marcaron o destino final dos armenios. A retirada da armada francesa de Cilicia deixou aos armenios á súa sorte, dando lugar a novas matanzas. O xenocidio, feito traumático na historia armenia, determinou a conformación da gran diáspora, orixe das diversas comunidades armenias de Europa e de América. O recoñecemento do xenocidio armenio ten por dona á humanidade no seu conxunto. É a mesma humanidade a súa beneficiaria. Pero ten un inimigo concreto: a barbarie, o salvaxismo e a irracionalidade encarnadas naqueles Mozos Turcos que mutilaron, exterminaron, usurparon e blandieron o seu hacha contra a razón mesma. Malia todo, non é vinganza o que reclamamos, porque estamos a salvo das ínfimas paixóns. Pero se os nosos antepasados sufriron a forza irrefrenábel da brutalidade criminal e con todo seguiron predicando o amor..., a nosa obriga é non esquecer. Sabemos que o camiño é longo, pero o emprendemos con entereza, porque a moral está da nosa parte e porque o Dereito -o universal, o consuetudinario e o positivo internacional-, sostennos. Non propoñemos camiños equívocos nin solucións utópicas, só esiximos a aplicación plena e efectiva do Dereito, e o recoñecemento por parte do actual estado turco, lexítimo sucesor daquel imperio otomán, do sultan Hamid, dos Mozos Turcos, de Kemal Ataturk.

domingo, abril 22, 2007

EN DEFENSA DE ISRAEL


Por Valentí Puig

Non deben quedar xa dúbidas de que o mundo está vivindo unha marea islamista que se manifesta de moi diversos xeitos: da imposición da sharia nalgúns dos nosos barrios (e quen non me crea que pregunte aos mozos musulmáns residentes aquí), aos atentados terroristas, pasando pola intimidación ou a chantaxe internacional.

Quen mellor o expresou foi o presidente de Irán, Mahmud Ahmadineyad: «o mundo islámico estivo en retirada nos últimos 300 anos (…) pero hoxe somos testemuñas dunha nova onda de moralidade que se estende por todo o islam. Moi pronto purgaremos os males do noso mundo». Desgrazadamente os «males» aos que se refería eran Israel e América. Ahmadineyad cre a pés xuntillas nas profecías do defunto Jomeini quen anunciaría a caída do Sha, a deshonra de Saddam, a desaparición de Israel e o triunfo do fundamentalismo no mundo. Ahmadineyad, testemuña do primeiro, quere ser actor do segundo.

Cree que o seu particular mesías, o Mahdi, está por vir a este mundo, pero só a través dun apocalipse. E parece disposto a acelerar o proceso. A súa ambición nuclear e as súas reiteradas ameazas a Israel non son para tomalas a broma. Co enriquecemento de uranio comezou a conta atrás para que se dote dun enxeño nuclear.E non podemos esquecer que Israel é unha nación dunha soa bomba. Os ayatolás non necesitan moito máis. Cun área metropolitana que absorbe case a metade da poboación do país e moitas das súas infraestruturas críticas, unha explosión nuclear sobre Tel Aviv abondaría para estragar a Israel. Unha segunda caería xa sobre un país que tería deixado de existir como tal.

Por moito que se poidan criticar as accións de Tel Aviv, Israel é hoxe por hoxe o único escudo que nos protexe da marea islamista. É a mellor trincheira de Europa e Occidente. O martes se celebra o día da súa Independencia. Pasareino en Xerusalén, en solidariedade cun pobo que se merece poder vivir dunha vez en paz.

LITURXIA TEOCRÁTICA, IDEOLOXÍA NIHILISTA

Por Pilar Rahola

Pode existir un nihilismo de corte teocrático? Sen dúbida é un auténtico oxímoron, con notábeis méritos para formar parte dos grandes contrapostos da linguaxe. Parece que a exaltación ate o paroxismo da transcendencia espiritual, non pode desembocar no ren absoluto, coma se intentásemos xuntar a Santa Tareixa de Xesús e a Nietzsche, e pretendésemos non afundirnos no intento. O filósofo alemán gustaba de dicir que vivía no abismo permanente e, en cambio, os grandes místicos, aseguran vivir na plenitude. É, quizais, a plenitude espiritual outro xeito de abismo? Sexa como sexa, non parecería doado xuntar ambas construcións mentais se non fose porque, por encima da filosofía está a realidade, e esta sempre sobarda as expectativas. Hoxe, o fenómeno ideolóxico máis serio, máis tráxico, máis perigoso e, sen dúbida, máis letal que actúa no mundo, topou a fórmula para sumar o amor a Deus co amor á nada, e desde a nada, considerar que a vida non ten outro valor que o valor de quitala.
Os guerreiros do islamismo yihadista, adestrados nunha cultura de xenreira e morte, son nihilistas de manual, auténticas encarnacións do baleiro absoluto e, con todo, a súa linguaxe, a súa liturxia, a súa escenificación é, toda ela, relixiosa. En certo sentido son os antihéroes do home que buscaba Albert Camus en “Les justes”, non dubidan como dubidaba o seu personaxe Kaliayev, senón, cal émulos de Stepan, matan e morren sen ningunha fractura interior. Sen ningunha pregunta. Sen alma. Por suposto, trátase dunha socialización da morte como paradigma, e só dende esa socialización, pódese entender a esencia do fenómeno e pódese calibrar a súa enorme dimensión.

Estes últimos meses, algúns colegas, que ate agora consideraran que xentes coma quen escribe, interesadas polo yihadismo islámico desde hai anos, eramos uns demagogos, ou uns alarmistas sen fundamento, ou quizais directamente axentes infiltrados do Mossad -coma eses vendedores de santos de Olot, que Pere Calders aseguraba que eran espías xaponeses-, estes notábeis colegas acaban de ver a luz e descubrir a ameaza. E cal setas após a choiva, aparecen baixo as árbores e enchen os micrófonos de sisudas explicacións que, por dar, conseguen dar todas as respostas que algúns levamos anos buscando. A problemas complexos, solucións simples, di o catecismo do bo populista, e debe ser un catecismo moi lido nas cátedras universitarias. Porque se o yihadismo se explicase cos argumentos que estes días oín ate a saciedade, especialmente en boca dos intelectuais orgánicos da progresía, a cousa sería de rirse, mentres choramos de pena.
De entrada, e como era de agardar, parece que o terrorismo islámico non é máis que unha reacción violenta ao imperialismo ianqui, que por suposto é o responsábel de todos os males que axexan ao mundo islámico. Ao mesmo tempo, o islam non é culpábel de nada, máis que de sufrir durante décadas e finalmente sublevarse. Todo o enfoque perverso nace de Occidente, e todo o vitimismo paternalista, aplícase a Oriente, coa clásica ollada condescenciente cara ao terceiro mundo de Quico “o progre”. Proxectada a mirada maniquea, o planeta se divide entre as responsabilidades americanas, a deixazón europea, que vive sen vivir nela, e os pobres países do islam. Por suposto, explícase o fenómeno en términos de pobreza, marxinación e desesperación. Así cadran os suicidas de Hamás, os adolescentes adestrados nos campos de Hezbolah, os degoladores de persoas iraquís e ate os suicidas que aparecen polo suleste asiático. Trátase de debuxar pezas tópicas para organizar un quebracabezas que non rompa ningún dos esquemas da corrección política.
Ben. Como unha está para incordiar, e ten a teima de analizar a cuestión desde hai décadas, permitireime algúns matices sensiblemente correctores do dogma progre sobre o yihadismo. Primeiro, o fenómeno, coma ideoloxía de masas na súa versión moderna, nace na década de 1920 na Universidade do Cairo, cando nin existía Israel, nin Estados Unidos pintaba nada. Os grandes ideólogos foron condenados a matar moi pronto, pero os seus seguidores, exipcios e sirios na súa maioría, repartíronse por Europa e foron acollidos por fermosos países como Suíza e Inglaterra, que vían neles unha clara oposición aos réximes de corte soviético. Moi pronto recibiron decenas de millóns de dólares de Emiratos e Arabia, e a súa actividade, a súa loxística, os seus centros de estudos, as súas míticas e toda a parafernalia do fundamentalismo islámico medrou con extraordinaria rapidez, por todo o ámbito musulmán. Cando, en 2001, a raíz do 11-S, cortáronse de raíz os fondos que financiaban desde Europa o fenómeno, os bancos islámicos implicados levaban xa décadas de actividade.
Non hai espazo neste artigo, para lembrar o que significou a guerra fría, mais non se pode explicar o fundamentalismo islámico sen falar da Unión Soviética. Ou sen falar do terrorismo iraniano, que matou a decenas de persoas en Arxentina. Ou sen falar do papel das ditaduras do petrodólar, activas no financiamento dunha mirada integrista do islam. Cando, en Palestina, comezaron a adoutrinar nenos para a morte, en campos de colonias financiados por Irán e, no seu momento, Iraq, ninguén quixo ver o fenómeno como o que era: a derivada palestina do nihilismo integrista, un nihilismo que superaba a idea dun Estado palestino, para abrazar directamente a república islámica. E tivemos Bali, Beslam, Kenya, Turquía, centenares de mortos ate chegar ao primeiro atentado en Europa, Madrid, Londres. Polo camiño, Bush cometeu o gravísimo erro de perpetrar unha guerra inútil. Pero para chegar a Atocha, o fenómeno atravesara mares e tiñase mundializado. Nun resumo acelerado: non é unha ideoloxía de pobres, senón profusamente financiada. Non é unha ideoloxía de marxinados, aínda que use a marxinación coma munición. Non é unha ideoloxía liberadora, senón todo o contrario: o seu obxectivo é o dominio integral do ser humano. Non pretende liberar pobos, senón crear unha única Umma musulmá. E, aínda que sexa difícil de dixerir, non nace da maldade americana, senón moito antes, dunha mirada regresiva, medieval e furibundamente antilibertaria do propio islam. Emprega os erros de Occidente, pero nace dos seus propios monstros. Todo iso, e máis, interactúa no fenómeno, e sen entender a complexidade de décadas, o único que conseguiremos serán algunhas paridas mentais, desas que quedan tan ben nos faladoiros progres, simpáticas, politicamente correctas e totalmente inútiles.

Eu tamén son Pedro Gómez-Valadés



Por Manoel Bello*
.
El Correo Gallego - 22.04.2007
.
Que uns compañeiros do B.N.G. de Vigo queiran expulsar a Pedro Gómez-Valadés do Bloque Nacionalista Galego por pertencer á AGAI (Asociación Galega de Amizade con Israel) é das cuestións máis disparatadas que últimamente puiden ler. Tamén lin artigos de opinión, bastantes, na súa defensa. Recordo a Manolo Rivas, Pilar Rahola, Manuel Bragado, Manuel Barreiro, Anxel Vence, Miguel Barros, etc. Por outra banda algún outro xustificaba o seu linchamento. Estes últimos, entraban a falar do conflito Israel-Palestina. Pouca cousa. @s palestinian@s son moi bos e os xudeus moi malos. Simplista e cansina consigna.

E moita, moita ignorancia no fundo sobre a cuestión. Estou farto de consignas. Non son comunista, mais non teño nada contra os comunistas, traballo con eles axudando a facer País. Non son inimigo de Israel nin de Palestina, mais impórtame pouco o conflito árabe-israelita, pois pouco podo facer. Laméntoo, pero preocúpame máis o colectivo de galegos e galegas que agardamos a que nos transplanten un órgano, ou os problemas que arrastra a Galiza.

Algo de culpa ten Israel, algo de culpa Palestina, para estaren hoxe sen unha solución. E non teño nada en contra da AGAI. Lin os seus estatutos e teñen tres obxectivos: Estudar e recuperar o pasado xudeu na Galiza. Dar a coñecer, investigar e difundir o que foi o Holocausto. Manter relacións cos grupos pacifistas, progresistas e defender os acordos de paz de Oslo asinados por Arafat e Isaac Rabin. Eis a cuestión. Qué ten isto de contradición co B.N.G.? Nada. No B.N.G. de Vigo a uns poucos foíselles o aceite ao lume. Xa o apagarán.

Estou farto de consignas. Cuba si, ianquis non. Outra. Estiven en Cuba dúas veces e entusiasmeime coa educación, a sanidade, a felicidade sen consumismo … repudiei a ditadura, a prohibición de prensa plural, a falla de liberdade de expresión, a prohibición de partidos políticos, o control dos militares polas rúas, en fin. Pero respétoo, mais será en todo caso a consigna: Cuba si, Bush non. Ou acaso non hai ianquis de esquerdas, pacifistas, que axudan o pobo cubano ou intelectuais como Chomsky ou Petras? Que doado é caer na manipulación. E se monto unha asociación de amizade Galiza-EE.UU.? E se me fago socio da AGAI porque non aguanto que pensen por min e me traten como un borrego? Tamén vanme expulsar? Ú-los meus dereitos á discrepancia, ou de asociación? Galiza é plural, e o B.N.G. asume esa pluralidade? Se expulsan a Pedro Gómez-Valadés, terán que expulsar a decenas de militantes e incluso concelleiros do B.N.G. que están na AGAI. E tamén terían que expulsarme a min. Defender o réxime de Irán ou de Corea do Norte ou mesmo falar español, iso é merecente de ter carné. Mellor será reflexionar e razoar un pouco.

*Manoel Bello Salvado é Concelleiro e Responsábel Local do B.N.G. de Mesía e membro do Consello Nacional do BNG

sexta-feira, abril 20, 2007

CONFERENCIAS DE GUSTAVO D.PEREDNIK NA GALIZA.


A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) organizou para a vindeira semana tres conferencias do escritor, xornalista e profesor da Universidade de Jerusalem, Gustavo D.Perednik, que terán lugar n´A Coruña, Compostela e Vigo, respectivamente.

A primeira conferencia terá lugar o martes 24 de abril, ás 20:00 horas, no Auditorio de Caixanova, na Avenida da Mariña n´A Coruña, e versará sob o tema ”Maniqueísmo e pensamento único no conflito de Oriente Próximo”.
A segunda intervención de Perednik, sob o epígrafe: “Xudeofobia, antisemitismo e antisionismo” terá lugar na Facultade de Ciencias Políticas da Universidad de Santiago, ás 12:00 (mediodía) horas do mércores día 25.
O ciclo de conferencias pecharáse ás 20:30 horas dese mesmo mércores, cun acto a celebrar no Salón Noble do Círculo Mercantil de Vigo, sito na rúa do Príncipe 44. Nesta ocasión o tema será “Da xudeofobia ao antisemitismo: a demonización europea de Israel”.

Gustavo D.Perednik é autor de dez libros que recibiron excelente crítica e premios literarios internacionais, e publicou centos de artigos en varios idiomas, acerca do xudaísmo e a modernidade, a xudeofobia, o conflito de Oriente Próximo, etc. As súas colaboracións no estado español foron publicadas en El Mundo, Faro de Vigo, Estrella Digital e especialmente na revista crítica “El Catoblepas”, dirixida polo filósofo Gustavo Bueno. Participou en dúcias de programas televisivos, incluidos debates en TVE, TV3 e TVG.

Dende 1989 é profesor convidado a ditar conferencias universitarias en cen cidades de cincuenta países (EEUU, China, Europa e Latinoamérica). No estado español disertou xa nas universidades de Madrid, Barcelona, Valencia, Tarragona, Girona, Valladolid, Vigo, Bilbo e outras.

No ano 2001 publicou nunca editorial de Catalunya o seu ensaio "La Judeofobia". Máis recentemente (Barcelona 2003) publicou en español "España descarrilada", prologado pola xornalista e ex deputada de ERC, Pilar Rahola

O seus últimos libros de ensaio son "Grandes Pensadores" (2005) e "Notables Pensadores" (2006), e a súa última novela publicada foi "El Silencio de Darwin" (2006).
A entrada a todas as conferencias é libre.

AGAI foi constituida en Compostela o pasado 1 de decembro de 2006, con asociados de todos os partidos políticos -especialmente BNG, PP, PSOE e EU-, que acordaron democratica e soberanamente elixir como presidente a Pedro Gómez-Valadés, membro da Executiva Comarcal do BNG de Vigo e actualmente en proceso de expulsión da formación nacionalista polo simple feito de pertencer a AGAI. Na actualidade AGAI supera xa os douscentos asociados, dos que máis de medio cento, a pesar da criminalización e mobbing da que son obxecto, proceden do Bloque Nacionalista Galego

segunda-feira, abril 16, 2007

MONUMENTAL E IMPRESCINDÍBEL


Monumental película que excede as nove horas de duración en catro partes e na que se investiron once anos de traballo, "Shoah" é unha reconstrución do que foi o exterminio industrial nazi dos xudeus a través das voces de diversos supervivintes, dun e doutro bando. Ao longo dunha serie de entrevistas saen á luz as experiencias, os recordos e as vivencias de quen viviu ese periodo único da historia da humanidade. Os primeiros planos dos supervivintes vanse fundindo, segundo explican os seus recordos, con imaxes dos diversos lugares do desastre no momento en que se rodou a película. Paisaxes cargadas de subxetividade, coma os campos de Auschwitz, de Treblinka ou de Belzec, mostrados en ruínas, acorde aos recordos que os supervivintes queren borrar da súa memoria, sen conseguilo.
Claude Lanzmann, escritor e xornalista parisino nacido en 1925, decidiu, nos anos 70, envorcar as súas inquedanzas no cine, e se embarcou na realización desta monumental película á que se sempre negou a catalogación de documental: "É unha película excepcional, única no seu xénero", chegou a defender. Condecorado membro da Resistencia da Segunda Guerra Mundial, Lanzmann decide manter a historia viva nun documento realmente duro e atroz. A experiencia propia de Lanzmann impídelle ser obxectivo (se tal cousa, a obxetividade, é posible dalgún xeito) e moito menos imparcial. Lanzmann remove, coas súas entrevistas, os recordos, provoca aos entrevistados para que exerciten a súa memoria, e penetra nas pasaxes que non fican claros. Lanzmann non oculta esta circunstancia, e ate a mostra, como cando lle recorda ao ex - dirixente das SS Franz Suchomel, a quen filma con cámara oculta, a súa promesa de manter o seu nome no anonimato.
A este respecto, que provocou bastantes críticas, Lanzmann sinalou que "quería mostrar que lle estaba mentindo, porque esta xente mentía a diario para asasinar aos xudeus". En ocasións, Lanzmann se mostra persistente, non desconecta a cámara cando os supervivintes se emocionan no seu exercicio para recordar, e o cineasta installes a continuar, ante o valor documental do filmado.
A película divídese en dúas etapas e catro capítulos. A primeira comeza cos recordos de Simon Srebnik, un supervivinte que por entón tiña 13 anos de idade e ao que os nazis utilizaban para que lles cantase cancións na rexión polaca de Chelmno. Ao final da guerra, Srebnik tiña que ser executado. Afortunadamente, a bala non lle danou ningún órgano vital e foi recollido por un campesiño. Máis de trinta anos despois, Srebnik volve a Chelmno e comproba que a antiga fábrica de morte composta por dous xigantescos fornos crematorios desapareceu por completo, e xa só queda un claro no bosque.
A película vai entón buscando a protagonistas anónimos, supervivintes xudeus que dan grazas a Deus por esquecer o que viviron (o caso de Michaël Podchlebnik, que tivo que enterrar os corpos gaseados da súa muller e dos seus propios fillos), e ate a colectividades, como os membros da localidade de Grabow, que demostran un pouso de sentimento antisemita ao afirmar que "os xudeus eran os que tiñan o capital".
Os habitantes polacos de Grabow moran agora nas casas que eran dos xudeus antes da guerra, e a antiga sinagoga se converteu nun almacén de mobles. A pegada humana que deixou o Holocausto en Polonia é visíbel. Lanzmann opta por filmar sempre as cidades en días nublados, xa que non concibe que poidese facer bo tempo cando pasaban os trens cargados de xudeus a Treblinka, como chega a expresarlle a un campesiño polaco.
E a memoria constitúe tamén un proceso de revisión, como o exercicio de volver a realizar en tren a viaxe a Treblinka, co mesmo maquinista que conducía as deportacións e que confesa que se emborrachaba todos os días para soportar os berros, os prantos e o fedor do seu transporte.
Salientar tamén a análise que realiza ante as cámaras o historiador Raul Hilberg, para quen os nazis, de entre toda a barbarie, só inventaron o Holocausto. Hilberg sinala que a maior parte das leis antixudías do III Reich están baseadas en antiga lexislación que se remonta ao medievo, e que a única novidade que pon en marcha o réxime de Hitler é a "Solución Final", seguindo a corrente dun proceso histórico de tratamento cara ao pobo xudeu que tivo unha primeira fase na conversión ao cristianismo e unha segunda fase no exilio. Hilberg conclúe que o exterminio se erixe na última fase deste cruel proceso de destrución.
A segunda etapa de "Shoah" se centra, unha vez realizado o contexto e asumido por unha enorme cantidade de voces a existencia dos campos de exterminio, no funcionamento por dentro destas fábricas de aniquilación, para concluír coa descrición da vida no ghetto de Varsovia. Emociónase Abraham Bomba, un perruqueiro xudeu que cortaba o pelo ás vítimas dentro da cámara de gas de Treblinka na última acción antes de proceder ao gaseado, quen non pode esquecer a súa impotencia ao serlle prohibido desvelar cal era o destino inmediato dos seus "clientes": quen se ía da lingua, acababa incinerado vivo nun forno. Non faltan, a este respecto, os detalles da parafernalia nazi para ocultar aos xudeus de Treblinka o seu futuro. Nin tampouco falta unha descrición somera do interior dun campo como Auschwitz ou a mesma Treblinka, que nos seus mellores momentos de "produción" chegaban a queimar a 15.000 xudeus diarios, cifra recoñecida polo propio Franz Suchomel.
A cámara de Lanzmann intenta situarnos e poñernos na pel das vítimas. O plano longo, cámara en man, da entrada a Auschwitz é unha boa mostra do horror que, aínda hoxe esperta, a visión da macabra porta. As imaxes do que queda do ghetto de Varsovia tamén arroxan unha pequena perspectiva do sufrimento extremo, manifestada en testemuños conservados da época, como o diario de Adam Czerniakow, o presidente do Judenrat de Varsovia, que se suicidou en 1942, e que describe auténticas escenas dantescas, que concordan co relato de Jan Karski, mensaxeiro do goberno polaco no exilio e que describe o ghetto como un espazo "alleo á Humanidade".
Finalmente, o monumental filme conclúe co testemuño de Simha Rottem, un fuxido do ghetto de Varsovia que trata de conseguir da Resistencia polaca armas para manter a revolta do ano 42. A Resistencia négalles aos xudeus estas armas e o ghetto acaba esmagado. Cando Rottem regresa, a súa desesperación final é a última mensaxe da película: "Son o derradeiro xudeu, agardarei a que chegue a mañá, agardarei a que cheguen os alemáns".
Documento pesimista pero que busca a construción dunha Memoria Viva para evitar a repetición desta catástrofe, "Shoah" (vocábulo hebreo co que se designa ao Holocausto) é unha cinta que mantén o interese desde o principio ate o final. Non se trata dun documental ao uso con imaxes de arquivo, senón un crisol de voces perfectamente ordenado e montado que trata de explicar o que ocorreu no centro, no corazón de Europa na primeira metade dos anos 40. A crueldade inexplicábel e extrema, a loita pola supervivencia, o recordo dunhas vivencias que parecen doutro mundo conforman un impresionante filme que abre no cine camiños poucas veces explorados como instrumento de preservación da memoria.
Con "Shoah" queda testemuñada unha parte da nosa historia máis recente nun exercicio doloroso e, ao mesmo tempo, verdadeiramente imprescindíbel.
Ver "Shoah", é un exercicio de amor coas vítimas.

AOS HEROES DA BATALLA DO GUETO DE VARSOVIA


Por Albert Einstein

Publicado no Bulletin of the Society of Polish Jews, New York, 1944.

"Loitaron e morreron como membros da nación xudía na contenda contra as bandas organizadas de fascistas asasinos. Para nós, estes sacrificios fortaleceron o lazo que existe entre os xudeus de todos os países. Nos esforzamos para ser un só corpo na tarefa de lograr unha sociedade humana mellor, esa sociedade que os nosos profetas nos fixaron como obxectivo, con tanta claridade e enerxía.

Os alemáns, o pobo alemán no seu conxunto, son responsábeis deste asasinato en masa e deben ser castigados, se hai xustiza no mundo e se non desapareceu por completo a conciencia de responsabilidade colectiva das nacións. Detrás do partido nazi está o pobo alemán, que elixiu a Adolf Hitler despois de que este home deixase moi claro nos seus libros e nos seus discursos as súas intencións vergonzosas, con respecto ás cales non cabía a posibilidade dunha interpretación errónea. Os alemáns son o único pobo que non se opuxo seriamente á persecución dos inocentes. Cando estean totalmente derrotados e comecen a lamentarse do seu destino, non deberemos deixarnos enganar e teremos que ser conscientes de que utilizaron, deliberadamente, o sentimento humanitario dos demais para aprestarse a executar o seu último e máis monstruoso crime contra a humanidade".

New York, 1944

terça-feira, abril 10, 2007

OS AYATOLAS SON A BOMBA


Por Anxel Vence
Corrían os anos oitenta cando o grupo vigués "Siniestro Total" acadou gran éxito de vendas coa súa lembrada e un tanto sacrílega canción: "Ayatola, no me toques la pirola". Mal podía supoñer aquela imaxinativa banda que, dúas décadas despois, os ayatolas de Irán ianos tocar a todos a moral co seu proxecto de construción dunha bomba atómica. Contento coma un neno que estrea explosivos, o presidente iraniano Mahmud Ahmadineyad se vanagloriaba onte non máis de que o seu país entre xa no selecto club de nacións que enriquecen uranio a gran escala.
Dito doutro xeito, os clérigos extremistas que gobernan Irán deron o paso previo indispensábel para a fabricación do seu primeiro artefacto bélico nuclear. Asegura o acólito dos ayatolas que os seus propósitos, bos e pacíficos, céntranse unicamente na produción de enerxía eléctrica a partir do átomo, tal como fan moitos países occidentais e incluso a China capitalista de Mao. E agrega o presidente iraniano que a antiga Persia ten o mesmo dereito que calquera outro país a desenvolver todas as súas potencialidades nucleares, diga o que diga o Consello de Seguridade da ONU dominado polos imperialistas.
Algúns quisquillosos obxectan, certo é, que Ahmadineyad manifestou non hai moito o seu propósito de "borrar a Israel do mapa" durante certo congreso pro-nazi sobre o Holocausto perpetrado en Teherán. A ocorrencia foi moi celebrada polos antisemitas de todo o mundo e incluso recibiu afectuosas ovacións nalgunha que outra reunión celebrada aquí, na tan distinta e distante Galicia do Apóstolo. Tal vez sexa ese o motivo polo que os israelís directamente afectados e os gobernos occidentais en xeral insisten en desconfiar das boas palabras dos ayatolas. Non só porque o comportamento duns teócratas que din gobernar no nome de Deus resulte, pola súa propia natureza, impredecíbel. Peor aínda que iso, a lóxica suxire que unha bomba atómica pode constituír toda unha tentación en mans de alguén que xa expresou o seu desexo de "borrar" a outro país do mapamundi.
De pouco valería facer notar ao fervoroso presidente iraniano que os efectos dun explosivo nuclear lanzado sobre Israel afectarán por igual aos xudeus e aos palestinos; e incluso aos xordanos e outros pobos da veciñanza de Oriente Próximo. Detalles anecdóticos dese tipo non han de importar gran cousa a unha banda gobernamental de clérigos como a de Irán que non vacilou en sacrificar a varios centos de miles dos seus súbditos durante os oito anos que durou a súa estúpida guerra con Iraq. Tan estúpida, polo menos, como a que o presidente norteamericano George Bush desatou un par de décadas despois contra o réxime de Sadam Hussein, ignorando sen dúbida que son os pobos e non os seus ditadores os que poñen a carne de canón en calquera conflito bélico. Con todo, non parece que vaian faltarlle apoios a Ahmadineyad no seu proxecto -xa avanzado, segundo o propio presidente iraniano proclama- de constituírse nunha nova potencia nuclear. O réxime de Irán declárase "antiimperialista", palabra que, como o agudo lector xa terá advertido, causa efectos máxicos nalgunhas faccións autodenominadas progresistas e laicas de Occidente. A ninguén deberá de sorprender, polo tanto, que incluso quen se opón razoablemente á construción de centrais nucleares no seu propio país topen sen embargo do todo pertinente có réxime clerical de Irán constrúa ese tipo de instalacións.
Ou que, para non ser discriminado, fabrique a súa propia bomba atómica e contribúa á ampliación do xa nutrido clube de países nucleares do planeta. Dicir que os ayatolas son a bomba ben podería deixar de ser dentro de pouco unha simple e coloquial frase feita. Só é de agardar que esta explosiva situación non acabe en siniestro total.

O BNG E ISRAEL



Por José Henrique Pérez Rodríguez
No ano 2002 Mona Baker, coñecida profesora de estudos de tradución da Universidade de Manchester, de orixe exipcia, decidía eliminar do corpo de conselleiros académicos da revista The Translator os profesores israelenses Gideon Toury e Miriam Schlesinger. Tal decisión, que se inscrebía nunha suposta campaña de boicote ás institucións académicas de Israel, mereceu a seguinte resposta por parte de Umberto Eco desde as páginas do New York Times:

No transcurso dos séculos, a través de terríbeis episodios de intolerancia e ferocidade dos Estados, sobreviviu unha comunidade de doutos, que procuraron alicerzar os sentimentos de comprensión entre as persoas de todos os países. Se se quebrar esta ligazón universal, haberá unha traxedia. Que Mona Baker non teña comprendido este ponto, cáusame pena (…) Non se pode censurar un país porque se estexa en desacordo co seu goberno, sen ter en conta as divisións e contradicións que existen naquel lugar (…) En ningún lugar do mundo todas as vacas son negras, e consideralas todas da mesma cor chámase racismo.

A atinada resposta do célebre intelectual e escritor, catedrático de semiótica da Universidade de Boloña, resulta moi axeitada tamén para a situación que nestes días axita internamente o BNG: a decisión da asemblea comarcal de Vigo de pedir a expulsión de Pedro Gómez-Valadés, actual responsábel de lingua e cultura na executiva comarcal do partido. O pecado deste home, presidir a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI).

Os partidarios de expulsar a Valadés aducen que a militancia nun partido político que se define como “antiimperialista” nos seus estatutos sería contraditoria coa pertenza a unha asociación de amizade cun país que, para eles, encarna nitidamente o “imperialismo”, mesmo se a AGAI defende, para o caso do conflito cos palestinos, unha solución negociada entre os dous pobos, baseada no reparto do territorio e na Paz.

O conflito israelense-palestino é sen dúbida mui complexo, con unhas orixes e con unhas circunstancias que non son redutíbeis a unha análise maniquea de bos e maos, imperialistas e colonizados, ilexítimos e lexítimos, ou usurpadores e usurpados... É claro que as cousas non son desa maneira se as analisamos con un mínimo de obxectividade e non só do ponto de vista árabe, ainda que, sen dúbida, resulta claro tamén que o grande perdedor do conflito até agora ten sido o pobo palestino, enfrentado historicamente á traxedia do todo ou nada polos seus propios líderes, empeñados en negaren o direito de Israel a existir. Os avanzos rexistrados ultimamente nesta cuestión con certeza suporán, máis tarde ou máis cedo, o fin do sofrimento do pobo palestino, o recoñecimento dos seus direitos históricos e a delimitación dunhas fronteiras seguras e recoñecidas que permitan a Israel viver en paz no meio dos estados árabes.

A ideoloxía “antiimperialista” que manteñen certos sectores do BNG e outros partidos nacionalistas de esquerda é unha ideoloxía que basicamente consiste en inscreber o proceso de reafirmación nacional galega dentro dos procesos de libertación dos pobos do mundo “asoballados polo imperialismo”. Como tal, é herdeira directa dos procesos de descolonización e da ideoloxía comunista antioccidental da Guerra Fría (cega porén perante os procesos de asimilación ou deportación. de pobos inteiros que acontecían do outro lado do muro). Este modelo de pensamento, que conduz hoxe á identificación da situación da Galiza coa de países (estados) como Cuba ou Venezuela, ou ainda Irán, en vez de facelo (ou facelo só secundariamente) con nacións como Cataluña, Gales, Escocia, Flandres ou Chechenia, acaba constituindo, na prática, unha plataforma que permitiu a sobrevivencia de un modelo de tardocomunismo xa superado noutros lugares. Unha mostra da contradición que supón supeditar así o nacionalismo dábanola Méndez Ferrín cando nas páxinas do Faro de Vigo, por ocasión da Segunda Guerra do Iraq, negaba o carácter nacional aos curdos desse país, aliados dos EUA, encanto o concedía sen problemas aos curdos da Turquía, país da OTAN contra o cal se rebelara o Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK). Tratábase do mesmo pobo, mais para Ferrín pesaba máis a orientación política do movimento reivindicativo do que a singularidade étnico-cultural ou histórica do pobo en cuestión.

No conflito Israel-Palestina dáse a mesma contradición. A elaboración, por parte dos árabes, dun cadro argumental que negaba a Israel o direito á existencia, así como a estreita alianza de Israel cos EUA e a contundencia en ocasións da política de ocupación, converteron este país nunca especie de “calcañar de Aquiles do imperialismo”. De aí a importancia, máis do que simbólica, que para estes sectores tardocomunistas ten “a causa palestina” e o seu aliñamento incondicional coas teses árabes, segundo as cais Israel sería unha especie de colonia formada por europeus á procura dun clima mais apracíbel. A “herexía” de Pedro Gómez-Valadés non é outra que a de encabezar na Galiza un movimento tendente a mostrar unha visión máis obxectiva de Israel, aproximarnos á historia —tan terríbel en ocasións— dese pobo e quebrar esa visión maniquea que nolos apresenta como unha especie de sádicos inhumanos. Polo contrario, Israel é para nós un exemplo de esperanza pola súa perdurabilidade nas condicións máis adversas, ou pola completa resucitación que foi capaz de levar a cabo da súa língua propia: o hebreu. No plano simbólico, a aproximación a Israel, o seu simple recoñecimento, supón unha ruptura coas posicións da esquerda tardocomunista, caracterizadas por unha perspectiva bipolar que divide aínda o mundo entre amigos e inimigos dos Estados Unidos, e a consolidación dunha nova esquerda, non necesariamente antiamericana ou antioccidental. Ese é o miolo da cuestión, e nesas coordenadas habería que situar a violenta reacción suscitada contra Pedro Gómez-Valadés dentro do BNG.

Trátase dun debate de ideas, un debate interno, que ao propio BNG e aos diversos partidos que o constitúen corresponde solucionar da maneira máis axeitada. Será ese partido (ou partidos) o(s) que, de xeito democrático, deberá(n) decidir cal vai ser a súa orientación futura, ou como é que desexa(n) precisar o alcance de conceitos como “imperialismo” ou “nacionalismo”. Mais o que o conxunto da sociedade non pode permitir é que ese debate se resolva mediante purgas inxustificadas, ou que por ocasión desa controversia se manifesten sentimentos antisemitas tan deplorábeis como os que afloraron na última asemblea comarcal do BNG. Presidir unha asociación de amizade con Israel, ou con Cuba, non supón necesariamente estar de acordo ou identificarse con todas as decisións políticas que toman no día a día os gobernantes deses países, como ben nos lembraba Umberto Eco. A consideración do BNG como un partido democrático capaz de gobernar este país correrá serio perigo se non é capaz de asumir con rotunda claridade esta realidade..

segunda-feira, abril 09, 2007

A 20 ANOS DA MORTE DE PRIMO LEVI

Se isto é un home
Os que vivides seguros
Nas vosas casas caldeadas
Os que vos topades, ao volver pola tarde,
O xantar quente e os rostros amigos:
Considerade se é un home
Quen traballa na lama
Quen non coñece a paz
Quen loita pola metade dun panecillo
Quen morre por un si ou por un non.
Considerade se é unha muller
Quen non ten cabelos nin nome
Nin forzas para lembralo
Baleira a mirada e frío o colo
Como unha ra invernal.
Pensade que isto aconteceu:
Encoméndovos estas palabras.
Gravádeas nos vosos corazóns
Ao estar na casa, ao ir pola rúa,
Ao deitarvos, ao erguervos;
Repetídeas aos vosos fillos.
Ou que a vosa casa se derrube,
A enfermidade vos imposibilite,
Os vosos descendentes vos volvan o rostro.

Primo Levi: "Se isto é un home" (1947).

A VINTE ANOS DA MORTE DE PRIMO LEVI.
O poder das palabras
Por Jack Fuchs

Primo Levi nace en Turín en 1919, no seo dunha familia de xudeus piamonteses. Estuda no famoso Instituto de Azeglio e ingresa á Universidade onde, pese ás leis raciais, presenta a súa tese de química en 1941. Pouco despois, únese á resistencia antifascista. É denunciado e detido en 1943. As primeiras deportacións de xudeus a Auschwitz comezaran en outubro dese ano e Primo Levi foi un dos 7500 xudeus italianos deportados e un dos 800 que sobreviviron e regresaron a Italia.
Sobreviviu ate a liberación, o 27 de xaneiro de 1945. Oito meses e 23 días despois, tras un incríble vagabundeo por Europa do Leste —relatado no seu magnífico libro "A tregua"—, Primo Levi volve a Turín. Alí reemprende a súa vida, topa un emprego de químico e chega a director executivo nunha empresa de pinturas. Casa e ten dous fillos. Vive alí deica a súa morte, o 11 de abril de 1987, hai hoxe xa 20 anos. Finalizada a Segunda Guerra Mundial, Primo Levi falou, non deixou de contar o que viu, no nome de todos os que xa non podían falar e que se foron sós ate o final do horror.
A dor estaba aínda demasiado perto e a gran maioría se resistiu a escoitalo. Comezou inmediatamente a escribir xa que a “necesidade de contar aos demais, de facer participar aos demais, adquirira en nós, antes como despois da nosa liberación, a violencia dunha impulsión inmediata, tan imperativa como as demais necesidades elementais”. Así é como deixou testemuño do horror que viviu en varios libros autobiográficos "Se isto é un home" (1958), "A tregua" (1963) "Os afundidos e os salvados" (1986), entre outros.
Algunhas das súas obras, traducidas a varios idiomas, constitúen hoxe textos de lectura obrigada nas escolas secundarias europeas. A lucidez de Levi, a súa impresionante capacidade de observar, describir e analizar sob as circunstancias máis terríbeis teñen un valor incalculable para a memoria. Moitos rescatan o valor histórico da súa obra, outros o literario. Eu, a partir do meu lugar de sobrevivente, como el, sinto que Primo Levi ocupa o lugar dunha testemuña especial, non só pola riqueza do seu testemuño senón tamén pola súa singularidade. Non podo deixar de mencionar como, sendo un xudeu italiano, cuxas referencias culturais ficaban lonxe do saber popular xudeu, manifestou sempre un interese moi humano pola cultura xudía da Europa Oriental coa que por primeira vez contactou en Auschwitz.
Aprendeu o ídish co obxectivo de entender esta cultura e entenderse con aqueles cos que compartiu a traxedia, o horror e o que Primo Levi chamaba “o pecado de ser xudeu”. Como Levi escribiu nunha carta en francés en abril de 1946 a Jean Samuel, un xudeu alsaciano a quen coñeceu en Auschwitz: “O queiramos ou non, somos testemuñas e levamos o peso do noso testemuño.” Con profunda emoción, rescato as seguintes palabras do epílogo da excelente entrevista que Ferdinando Camon lle realizara a Primo Levi, pouco tempo antes da súa desaparición, coas que quero lembrar a un home que se converteu nun símbolo único: “Tiña o cabelo e a barba brancos, a barba máis branca có cabelo. Tiña unha mirada un pouco irónica e un sorriso pícaro. Unha intelixencia moi ordenada, con recordos precisos, moi detallados. Nun momento da entrevista, tomou nas súas mans o papel no cal eu escribira as miñas preguntas, e no reverso debuxou un plano de Auschwitz: co Lager central, os campos anexos e os respectivos nomes dalgúns prisioneiros. Falaba en voz baixa, sen quebres: é dicir, sen rancor. Moitas veces pregunteime respecto da razón desta moderación, desta docura. A única resposta que puiden alcanzar é a seguinte: Levi non berraba, non insultaba, non acusaba, porque non quería berrar; quería moito máis que iso: quería facer berrar. Renunciaba á súa propia reacción, para dar lugar á reacción de todos nós. O seu razoamento era de longo alento. A súa moderación, a súa suavidade, o seu sorriso, que tiña algo de tímido, case infantil, eran en realidade as súas armas.”
* Jack Fuchs é escritor e pedagogo. Sobrevivente de Auschwitz.

NON DIGA ANTISEMITA: DIGA ANTISIONISTA.ta

Por Anxel Vence

Aseguraba Groucho Marx que xamais aceptaría pertencer a un club no que admitisen a xente como el. Moito máis extravagantes aínda que o xenial cómico –xudeu, por certo-, os xefes con mando en praza no Bloque Nacionalista Galego levan xa algunhas semanas na teima de expulsar dese partido ao presidente dunha modesta asociación de amizade galaico-israelí. Cos xudaizantes, coma cos galegos, nunca se sabe; así que compre tomar medidas preventivas.

Moito mellor lle tería ido a Pedro Gómez-Valadés (que así se chama o apestado) si en troques de presidir unha tal loxa a prol do imperialismo xudeomasónico escollese facer parte de calquera outro círculo de fraternidade entre pobos.

Ninguén lle habería reprochar que se integrase nunha Asociación de Amizade coa Unión Soviética –si é que aínda queda algunha- ou nas numerosas agrupacións de solidariedade con Cuba ou Irán. Tampouco o amoestarían, se cadra, no caso de elixir a Alianza Francesa para matricularse.

Israel é outra cousa. Para empezar, ven sendo un país cheo de xudeus, detalle que sempre resulta sospeitoso. E, para rematar, trátase dunha república edificada baixo principios liberalmente democráticos na que cada certo tempo se convocan eleccións co resultado non infrecuente de que gañe a esquerda. Así ocorreu, de feito, durante as tres primeiras décadas de existencia dese Estado algo milagreiro que tivo como primeiro xefe de goberno ao socialista radical David Ben Gurion. Poderíase esperar que os dirixentes dun partido nacionalista e de esquerdas coma di ser o Bloque tivesen en Israel un dos seus modelos de referencia.
O sionismo foi, despois de todo, un dos primeiros (e por riba, exitosos) movementos nacionalistas que xurdiron a finais do século XIX, mais ou menos ao mesmo tempo que o galeguismo. Si a eso se lle engade o papel fundamental desempeñado polas comunas agrícolas socialistas (“kibbutzim”) na construcción do Estado de Israel, poucas outras tendencias políticas como a sionista reúnen a dupla condición nacionalista e de esquerda que reclama para si o BNG.

A única explicación para este singular paradoxo ha residir, se cadra, na vixencia do antisemitismo. Tanto é así que, segundo contan as crónicas, algún dos asistentes á asemblea nacionalista na que se discutiu a expulsión do xudaizante Valadés chegou a propoñer que Irán lanzase unha bomba atómica sobre Israel, para borrar efectivamente do mapa aos noxentos xudeus. O antisemitismo pasa por ser unha patoloxía propia da extrema dereita; pero esa resulta, por desgracia, unha hipótese demasiado consoladora. Agás raras excepcións, a fobia aos hebreos é unha doenza que xa ten contaxiado hai moitos anos á esquerda e boa parte dos intelectuais europeos.

Os xudeus seguen a se-la bicha do mundo. Xa non se fala, como é natural, dos fantasiosos “Protocolos dos Sabios de Sión” que o pérfido pobo hebreo tería urdido para domina-lo mundo. De xeito algo menos groseiro, os antisemitas (mesmo os que non saben que o son) defenden teimosamente agora a idea da existencia dun lobby ou conxura de banqueiros, políticos e productores de cine coa que os xudeus controlarían Estados Unidos e, por extensión, todo o planeta. Se cadra non han ser moitos os que caian na conta de que esa é unha variante só un chisco máis lixeira da mesma ladaíña que un tal Adolfo utilizou en Alemaña para darlle fundamento teórico á súa “solución final”.

Ninguén acepta ser denominado antisemita, por suposto. Os modernos xudeófobos prefiren utilizar o termo “antisionista”, que queda como máis bonito e máis “cool”. Explicábao moi ben Martin Luther King na súa célebre “Cara a un amigo antisionista”. “Os tempos converteron en impopular a manifestación aberta de odio contra os xudeus”, dicía nela o tenaz loitador contra o racismo. “Sendo este o caso”, engadía, “o antisemita busca novas formas e foros onde poder inocular o seu veleno. Agora agáchao tras unha nova máscara. Agora non odia aos xudeus, só é antisionista!”

Certo é que si a moitos dos que usan a expresión se lles preguntase que é o sionismo, probablemente a resposta da maioría deles fose igual de atinada que a do presidente Zapatero cando lle preguntaron polo prezo dun café. Pero tanto ten. O mundo –tan complexo- é máis cómodo de manexar cando un o reduce a unha simple historia en branco e negro onde os bos son boísimos e os malos, malos a rabiar. E no tocante a maldade, xa se sabe que os xudeus adoitan estar situados sempre na primeira ringleira do imaxinario colectivo.

Tanto é así que nin sequera os nacionalistas galegos –ou canda menos, os que mandan- son quen de apreciar os éxitos dun nacionalismo democrático e de esquerdas coma o que fundou o Estado de Israel. Xa o dicía Luther King: non son antisemitas; son antisionistas. Tamén o era aquel famoso Adolfo do brazo ergueito.

sexta-feira, abril 06, 2007

ISRAEL, ESTADO XUDEU E DEMOCRÁTICO.


Israel, estado xudeu e democrático
Por Jaume Renyer i Alimbau, presidente do Forum català pel dret a l'autodeterminació
De Israel e do conflito do Medio Oriente fálase moito nos medios de comunicación, a miúdo en termos de forte descualificación para o lado xudeu, e a opinión pública catalana maioritariamente se expresa a favor da causa palestina sen entrar en demasiados matices: Israel é un estado ocupando un territorio que non lle pertenze e que emprega unha violencia desproporcionada, contravindo, ademais reiteradamente, numerosas resolucións das Nacións Unidas. Vistas as cousas desde Catalunya, e facendo caso da visión que dan os medios que se editan, parece coma se a continuidade ou non do conflito dependese só da vontade dos israelís, posto que se accedesen a retirarse dos territorios ocupados, ou se incluso renunciasen a ter un estado propio, non habería terrorismo.
As causas profundas do conflito entre o mundo islámico e as outras civilizacións presentes á zona (cristiáns, curdos, xudeus) son moito máis complexas que as que admite esta visión reduccionista da situación en Oriente Medio. Pero a simplificación a base de culpabilizar sistematicamente a Israel afórranos entrar en detalles sobre a natureza do sistema político israelí do cal só nos chegan noticias ocasionais sobre o carácter radicalmente aberto e proporcional do seu sistema electoral ou da escrupulositade dun poder xudicial que non dúbida en procesar ao xefe de estado tras ser acusado do delito de acoso sexual. Esta actitude de desinterese para aspectos da sociedade israelí esténdese incluso a materias, como a recuperación e normalización exemplar da lingua, cando nunha nación como á nosa esta cuestión aínda é unha asignatura pendente e quizais algo ben se podería sacar de proveito ao observar a saúde do hebreo moderno.
Este descoñecemento consciente para aquilo que é e representa Israel non só é algo a nivel popular senón que a ignorancia preventiva é a norma non escrita entre os círculos universitarios onde, a excepción de contadas excepcións (Joan B.Culla, María Josep Estanyol), non hai en catalán libros de temática cultural ou histórica, e menos aínda sobre o sistema xurídico e político israelí actual. Por exemplo, os nosos constitucionalistas teñen ollos só para o Reino de España e algúns temas europeos, obviando olimpicamente as numerosas singularidades das leis básicas de Israel. O silencio que rodea a realidade israelí é a plasmación dunha actitude arbitraría que non ten outra explicación que o prexuízo ideolóxico para o mundo xudeu.
Este comportamento non sempre foi o mesmo entre as vanguardas políticas e culturais catalanas, así baixo o franquismo e ate os anos setenta, eran relativamente numerosos os cataláns que tiñan curiosidade por coñecer de perto a experiencia "kibbutzim" e tamén nacionalistas relevantes como Jordi Pujol ou Jordi Carbonell manifestaban unha sincera admiración pola causa do estado hebreo. O período de apoxeo militar e de expansión territorial de Israel entre a guerra dos Seis días (1967) e a do Yom Kippur (1973) muda a percepción da esquerda europea que pasa maioritariamente a identificar ao Estado de Israel cos intereses americanos na zona, bautiza a causa árabe como progresista e anticolonialista e desampara de toda comprensión á política israelí de defensa.
Esta mudanza de visión chega tamén a terras catalanas onde se instala unha xudeofobia encuberta sob argumentos pretendidamente de esquerdas que chega ate os nosos días. Isto explica que a crecente comunidade xudía catalana, percibindo un clima adverso, faise practicamente invisíbel aos ollos da sociedade catalana. Pola contra, entre o nacionalismo español máis reaccionario, (Libertad Digital e en xeral toda a "Brunete mediatica"), móstrase nos últimos anos unha efusión de immoderada admiración utilitarista para o estado de Israel. Non vexo que estes sectores compartan realmente os valores democráticos que a inspiran, (do todo alleos á tradición autoritaria e reaccionaria española), senón que confunden a contundencia coa que Israel defende a súa liberdade coa violencia que a eles gustaríalles empregar contra os pobos dominados polo estado español en aras da súa "liberdade" abstracta e irreal. Ironías da historia, os herdeiros do franquismo (filonazi, antisemita e amigo das corruptas monarquías árabes) son hoxe os amigos interesados de Israel, mentres que os nacionalistas cataláns (considerados coma os particulares xudeus de España polos falanxistas) son hoxe maioritariamente os cómplices inconscientes da xudeofobia.
O xeito de corrixir esta situación pasa necesariamente por dar a coñecer cal é a natureza xurídica e política do estado de Israel e a súa evolución a partir da fundación no ano 1948 ate hoxe. E facelo pensando na saúde da "nada pública" catalana promovendo entre a clase política e a intelectualidade autóctona, especialmente os círculos universitarios, o sentido crítico e nacionalmente autocentrado á hora de analizar o contexto euromediterráneo onde se insise o noso país. Israel defínese a si mesmo nos seus textos xurídicos fundamentais como estado xudeu e democrático que se fundamenta no pluralismo político e a liberdade e igualdade dos seus cidadáns. É un estado que non ten unha constitución codificada nun único texto, segue polo momento o modelo inglés de compilación, (de adición sucesiva de leis que van completando e derrogando progresivamente as anteriores), que tamén era o propio de Catalunya ate 1714.
O compromiso de dotarse dunha constitución moderna estaba presente a partir do momento mesmo da Declaración de Independencia (que ten valor constitucional e pauta interpretativa do conxunto das leis que se foron aprobando posteriormente), pero as sempre difíciles circunstancias que marcaron a vida israelí nos últimos sesenta anos o imposibilitaron ate hoxe. O conxunto normativo se completa con dúas leis de relevancia constitucional (a Lei do regreso e a reguladora da organización sionista internacional) ditadas a comezos dos anos cincuenta, e ate doce leis básicas (sobre o parlamento, a xefatura do estado, o goberno, o poder xudicial entre outras) aprobadas entre os anos sesenta e noventa do século pasado. Este conglomerado de leis foron progresivamente caracterizando unha dinámica lexislación especialmente significada por seu pragmatismo que ten suplido ate hoxe a carencia dun texto constitucional unificado.
No atípico caso de Israel entre os diversos sistemas constitucionais coñecidos concorre outra singularidade: a subsistencia parcial de sistemas normativos anteriores á creación do estado e a relevancia da lei relixiosa, que sen chegar a converter a xudea nunha relixión de estado ten recoñecida unha influencia determinante.
A pluralidade de fontes do sistema legal israelí é a seguinte:
1) a lexislación moderna aprobada trala creación do estado, 2) as leis otomanas, especialmente o sistema do "Millet", que outorga ás comunidades, definidas pola súa relixión, (drusos, musulmás, circasianos, xudeus), unha amplía autonomía, tanto substantiva como procesual, en materia de dereitos persoais como de familia (casamento, divorcio, tutela dos fillos….), 3) as normas legais subsistentes do mandato británico (1922-1948), 4) a lei xudía ancestral, especialmente con respecto ao estatuto persoal e as relacións de familia. Completa o sistema constitucional unha creativa xurisprudencia do Tribunal Supremo que interpreta en termos expansivos os dereitos e liberdades dos cidadáns, como o demostra o reiterado amparo que outorga aos deputados árabes israelís que a miúdo fan declaracións xustificando a loita armada contra o estado hebreo (incluído as feitas desde a capital dun estado tecnicamente en guerra en Israel como é Damasco). Argumentando a preeminencia da liberdade de expresión e participación política desestimou as peticións da fiscalía do estado para impedir a concorrencia nas eleccións do 2002 a un candidato árabe (Azmi Bishara) acusado de apoloxía do terrorismo curiosamente case ao mesmo tempo que o Tribunal Constitucional español validaba a lei de partidos que permitiu ilegalizar Batasuna, contravindo radicalmente a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
O Tribunal Supremo intervén para xulgar a proporcionalidade das medidas de seguridade e as accións militares do exército de Israel cos valores democráticos do seu réxime constitucional e as liberdades persoais que procura sempre preservar, incluso en situacións de guerra. Por isto resulta grotesco que un ex maxistrado do Tribunal Supremo español, Marín Pajín, publique en "El Periodico de Catalunya" (30-1-07) un artigo titulado "selectos asasinos" referíndose aos maxistrados do supremo israelí en relación a unha sentenza de 13 de decembro do ano pasado que restrinxía os supostos de operacións militares preventivas do exército israelí.
En febreiro do 2006 o Comité pola Constitución, a lei e a xustiza da "Knesset" (o Parlamento israelí) presentou un borrador de proxecto constitucional que é obxecto dun debate aberto e intenso que se pode seguir na web www.cfisrael.org. Os principais puntos de controversia xiran ao redor de quen é xudeu, que papel é preciso outorgar á relixión xudea e que dereitos recoñecer á minoría árabe. Un libro recente de Amnon Rubinstein e Alexander Yakobson ("Israel te as nations", editado por PUF) fai unha aproximación detallada aos termos en que se debaten estas e outras cuestións no seo da sociedade israelí e basicamente fuxen a teoría dun estado israelí neutro susceptíbel de ser asumido coma propio tanto por xudeus como por palestinos.

Fundamentalmente porque nin os palestinos nin os israelís teñen ningunha intención de disolver a súa identidade nunha abstracta nación de cidadáns. Estes dous xuristas apostan pola viabilidade de dous estados que, volvendo á resolución das Nacións Unidas que deu pé á creación do Estado de Israel e un nonato estado palestino, garanta a igualdade de dereitos dos cidadáns que fiquen nunha situación de minoría nun e noutro estado.
A xudeidade de Israel non é incompatíbel coa plena igualdade dos seus cidadáns que teñen plenamente garantida por sentenza do Tribunal Supremo israelí do 2001 os dereitos lingüísticos, educacionais e culturais sexa cal sexa a súa identidade nacional. O debate constitucional de Israel merece pola súa riqueza e a complexidade das cuestións que se tratan un seguimento atento desde Catalunya e máis se neste país aspiramos algún día a ter un estado propio e soberano no cal deberemos de regular a convivencia dunha comunidade con varias identidades

quinta-feira, abril 05, 2007

HATIKVA IMPRESIONATE


Hatikvah impresionante dos supervivintes de Bergen-Belsen
Non hai palabras. Escoita esta gravación que contén o Hatikvah, himno nacional de Israel, cantado polos supervivintes do campo de concentración de Bergen-Belsen en 1945. Non é necesario mentar ningunha palabra para cualificalo: é incualificábel.

COMPRENDER ISRAEL, PENSAR EN CATALUNYA



Por Jaume Renyer i Alimbau

O pasado día 9 de Abril un amigo xudeu catalán invitoume ao acto de conmemoración do Holocausto que se celebraba na sé da Comunidade Israelita de Barcelona. Unhas cantas ducias de persoas, nun ambiente de recollemento, reflexionaban sobre o acto de barbarie máis desapiadado que o ser humano foi capaz. Lembraban as vítimas sen desexo de vinganza nin exteriorizacións de dor, senón coa altura moral que permitiu a este pobo superar un trauma colectivo de tanta envergadura recorrendo á capacidade creadora que amosaron sempre en todos os terreos do saber, tal e como lembraba Luís Goytisolo no seu artigo “Intelectuais e xudeus” (El País. 22 de Decembro de 2001).

As circunstancias actuais do conflito árabe-israelí enchían de preocupación a todos os presentes no acto, non só porque non se ve unha saída a curto prazo, senón porque no noso país, que é tamén o seu, perciben un baleiro de incomprensión ao seu ao redor cando gran parte dos medios de comunicación e a maioría de forzas políticas toman claramente partido pola causa palestina responsabilizando só a Israel en exclusiva do tráxico agravamento da crise. Singularmente a falsa e interesada acusación de xenocidio contra o pobo palestino e a equiparación co nazismo da política de defensa do Estado de Israel divulgada a través de medios de comunicación é un feito de tanta gravidade que non pode deixar indiferentes aos demócratas e ás persoas con sentido crítico da Historia e da presente realidade. Reis Mate, no seu artigo “A singularidade de Auschwitz” (El País. 22 de Abril de 2002) fai referencia a esta cuestión.

Comprender a Israel non implica necesariamente estar de acordo coas decisións do Goberno do Estado de Israel, senón aproximarse á realidade do pobo xudeu e ao conflito árabe-israelí con toda a súa complexidade, sen prexuízos preestablecidos e con espírito crítico, sen dar por boas as distincións simplistas (palestinos bos, xudeus malos). A aposta pola paz na rexión conleva a condena do terrorismo e en especial da estratexia das bombas humanas asasinas como método para conseguir obxectivos políticos e aplicar o principio de autodeterminación dos pobos como fórmula para a solución dos conflitos co fin de garantir o proceso que ten que conducir a que tanto o pobo de Israel como o palestino teñan o seu propio Estado e igualmente as condicións de seguridade imprescindíbeis para o desenvolvemento da súa vida civil.

Desgrazadamente, non foi este o carácter da maioría de manifestacións públicas que se realizaron nas últimas semanas. Artigos como “Todo ten un límite” de Jordi Argelaguet (Avui. 10 de Abril de 2.002) foron a excepción no medio de moitas informacións superficiais e seitarias. Esta descompensación de opinións tamén reflicte un estado de opinión pública deteriorado no seo da nosa sociedade. O pobo catalán mantén maioritariamente un espírito progresista e solidario como o amosa o feito de ter unha alta porcentaxe de voluntarios espallados por todo o mundo e comprometidos coas máis diversas causas humanitarias. Esta solidariedade foi evoluíndo segundo transcorreron as etapas do conflito árabe-israelí.

En Catalunya, cando en 1.948 o Estado de Israel acadou a súa independencia, algunhas desubicadas forzas políticas e os intelectuais catalanistas non marxistas celebraron este éxito colectivo do pobo xudeu que era tamén o de todos os pobos oprimidos do mundo. Esta corrente de simpatía mantívose ate ben entrados os anos 60 e son testemuñas diso o propio President Pujol ou Jordi Carbonell, presidente de ERC entre moitos outros patriotas da súa xeración. A progresiva hexemonía do PSUC e outras formacións marxistas a partir de 1.968 comportou a translación ao noso país dun progresismo superficial herdado da tradición comunista consistente en apoiar aos países árabes para utilizalos contra Occidente durante a guerra fría. A esta secuela de tardocomunismo e do baleiro de pensamento político que provoca, hai que engadir a partir dos anos 90 unha serie de posicionamentos que enlazan coa xudeofobia secular do máis rancio nacionalismo español : o odio ao xudeu é a primeira mostra de repulsa á diversidade que marcou a construción política de España desde a Idade Media ate os nosos días. Antisemitismo e españolismo foron historicamente complementarios e compatíbeis. Puidémolo comprobar hai uns días en Barcelona cando se manifestaban contra Israel con panos palestinos deputados e intelectuais favorábeis a un estado palestino pero contrarios radicalmente á autodeterminación do pobo catalán. Se o lema da manifestación estivese pola paz e pola autodeterminación dos pobos todos estes figurantes non terían podido asistir.

Como di un amigo: Revolucionarios do mundo e reaccionarios de Catalunya, unídevos! Como catalán que aspira á independencia da miña nación, non podo admitir nin o cinismo e sectarismo político nin a exclusión dos xudeus no proceso de construción da nosa comunidade catalá que loita por integrar, sempre respectando a súa identidade, colectivos de bereberes, pakistaníes, saharauís e outros chegados ao noso país nunhas condicións culturais e económicas que poñen a proba a capacidade de integración na diversidade da sociedade catalá actual. A solidariedade con outros pobos do mundo ten que estar guiada polos principios da paz, a prevención dos conflitos e a autodeterminación dos pobos e non pode estar en contradición cos comportamentos políticos internos de Catalunya. Máis ben todo o contrario: tense que manifestar en calquera momento pensando tamén no país que queremos construír.

Jaume Renyer i Alimbau é Presidente do Forum Català pel Dret a l’Autodeterminació. Foi deputado no Parlament de Catalunya por ERC. Xurista de gran prestixio e membro do Consell Consultiu da Generalitat de Catalunya. Artigo publicado no xornal Avui o 13 de Maio de 2002